Stellae 5.0 - Resolución

Stellae 5.0 - Resolución

Resolución de 3 de Marzo de 2022, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se publica a convocatoria de manifestacións de interese no marco do proxecto “STELLAE 5.0 Patrimonio Cultural Dixital Vinculado ao Camiño de Santiago”

***Na plataforma de contratos de Galicia publicouse unha resolución que amplia o prazo de presentación de manifestacións de interese no marco do proxecto “Stellae 5.0 Patrimonio Cultural Dixital vinculado ao Camiño de Santiago” ata o día 3 de xuño de 2022.***

A Conselleira de Cultura, Educación e Universidade, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia e a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (Rede CRUSOE) asignaron con data de 19 de xullo de 2021 o protocolo para poñer en marcha o proxecto “Stellae 5.0 Patrimonio dixital vinculado ao Camiño de Santiago” (STELLAE 5.0) co fin de abordar dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía. Unha das principais características da proposta é a inequívoca vontade de integrar á cidadanía e ás universidades na cadea de valor do patrimonio cultural de modo efectivo como actores imprescindibles na xeración de novos modelos industriais e de creación de emprego.

Dentro dos traballos previstos na "Folla de roteiro" aprobado, acordouse a realización de convocatorias de consultas preliminares ao mercado ou manifestacións de interese dirixidas, a persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que acheguen propostas no marco da xestión innovadora da cultura e patrimonio dixital de Galicia, entre outros

  • PEMES e empresas tractoras do sector cultural e patrimonial
  • PEMES e empresas tractoras do sector TIC
  • PEMES e empresas tractoras do sector audiovisual e turístico
  • Centros de Investigación e tecnolóxicos
  • Grupos de investigación en Humanidades e Ciencias Sociais
  • Grupos de investigación de tecnoloxías da información e a comunicación

A presente convocatoria de manifestación de interese, realízase conforme ao establecido no artigo 115 "consultas preliminares do mercado", da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

En definitiva, á vista do exposto,

RESOLVEN,

Primeiro. Convocar unha consulta preliminar ao mercado co obxectivo de promover a participación de operadores económicos activos que contribúan ao deseño de eventuais futuros procedementos de contratación sobre propostas innovadoras no marco da xestión da cultura e patrimonio dixital de Galicia, no marco do proxecto “Stellae 5.0 Patrimonio dixital vinculado ao Camiño de Santiago”. A bases polas que se rexerá a dita consulta preliminar son as establecidas como anexo I desta convocatoria.

A partir das conclusións recollidas como resultado desta convocatoria, poderanse completar as especificacións técnicas e realizar as estimacións económicas que servirían de base para a elaboración dos pregos que rexerían os posteriores procedementos de contratación. Esta consulta preliminar non forma parte de ningún contrato, nin representa un compromiso de contratación, nin ten como finalidade obter propostas finais, que se enmarcarían nun proceso de contratación posterior.

Segundo. A convocatoria é aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que teñan interese en colaborar, mediante a redacción de expresións de interese e de propostas que contribúan a definir e dar resposta aos retos propostos.

Admitirase a presentación de varias solucións por unha mesma persoa física ou xurídica, xa sexa individualmente ou de forma conxunta con outras.

Terceiro: A documentación da convocatoria para a participación nesta consulta preliminar publicarase na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (https://www.contratosdegalicia.gal) e na dirección web https://stellae50.gal

As persoas interesadas deberán cumprimentar os formularios dispoñibles nas direccións web indicabas, e presentalos posteriormente na sede electrónica da Xunta de Galicia mediante o procedemento PR004A, dirixido a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Cuarto: O prazo de presentación de propostas durará dous meses dende a publicación desta resolución na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (https://www.contratosdegalicia.gal) e na dirección web https://stellae50.gal. Poderase ampliar este plazo, mediante a publicación de anuncio na dita na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (https://www.contratosdegalicia.gal) e na dirección web https://stellae50.gal.

 

Santiago de Compostela,

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Secretaio Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Mar Pereira Álvarez

Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia